O decano, o máis novo de todo o Estado, pretende que a formación que reciben os futuros xornalistas sexa "algo máis que docencia regulada" a través de actividades extracurriculares coas que a facultade atenda o compromiso social e se converta en "centro de referencia". Precisamente nese eido inscríbese a relación con Agareso que vén de firmar un convenio de colaboración coa facultade compostelá.
Asume este cargo nun ano realmente complexo... Que balance fai transcorrido apenas un curso académico?
Ademais de mellorar as actividades extracurriculares ou realizar unha mellora sensible das infraestruturas, o maior reto foi a implantación do novo grado, un novo plan de estudos que implica cambios importantes nas estruturas, na filosofía, nas propias cabezas dos alumnos e do profesorado... Un reto intenso e interesante. A sensación, malia que aínda hai algún desaxuste, é que todo foi bastante ben, que estamos a entender a filosofía de Bolonia.
Cal é esa filosofía?
Valorar o esforzo do alumno e aumentar as competencias adquiridas. Os rapaces deben traballar máis alá das súas horas de docencia o que esixe estratexias como reducir os horarios das clases a unha hora ou, en determinadas materias, concentrar as prácticas en dúas semanas do ano co que podemos ter en conta conceptos como continuidade, traballo en tempo real...
Que pensa persoalmente deste plan de estudos?
Permite aspectos moi importantes como a validez dos estudos fora do Estado español e entende que os estudantes son persoas maduras. Con Bolonia, un alumno traballa 1500 horas o ano; é dicir unha xornada laboral de 40 horas semanais nas 44 semanas lectivas do curso. Co profesor pasa 600 horas e ata 1500 o alumno debe realizar de forma autónoma o seu traballo. En canto a súa filosofía económica, o máis criticado, a min paréceme ben, os novos masters oficiais son moito máis baratos que os masters propios, cunha prezo de 1500 euros. Con todo, isto non significa que estea de acordo con todas as decisións tomadas.
Indudablemente esta é unha boa facultade pero os problemas chegan ao rematar os estudos. Que se pode facer desde o ámbito educativo contra a precariedade que define o sector?
Moito. Por un lado, mellorar a formación continua. O 97% dos estudantes que se matricula en primeiro remata a carreira, e destes, o 80% atopa un traballo nos tres primeiros meses. O problema ven a partir do terceiro e o cuarto ano, cando rematan todo o período de prácticas, bolsas... Aí debe retomar o papel protagonista a facultade promovendo a formación en materias como autoemprego, novos perfís... Non é grave comezar cobrando 600 euros, o grave é cobralos durante cinco anos.
Porén, as propias practicas moitas veces perpetúan situacións de temporalidade ás que os medios lle dan pulo...
As prácticas non son un traballo encuberto por iso, desde a facultade, tomamos varias decisións. Todas as prácticas se cobran e o que se cobra non é un salario, senón a diferenza do que lle supón o estudante estudar fóra da facultade cun mínimo de 360 euros o mes. Durante o curso só se aceptan convenios a realizar en Compostela e por 15 horas a semana. No verán as horas aumentan a 30 a semana e desaparece o límite xeográfico. Ademais, ningunha empresa pode ter máis do 10% do seu persoal como bolseiros e os alumnos só poden realizar dúas prácticas durante toda a carreira. Isto cúmprese razoablemente ben e cando non acontece así, córtase a relación coa empresa.
O decano máis novo e o primeiro que é antigo alumno da facultade. Facilitoulle isto unha maior proximidade co alumnado?
Lévome ben cos alumnos e seguramente me atrevo a facer cousas que se cadra con dez anos máis non faría, pero, sobre todo, o feito de estudar nesta facultade provoca que coñezo moi ben aos meus compañeiros, antes profesores, e tamén as potencialidades e debilidades das infraestruturas coas que contamos: os problemas de xestión, que significa pedir unha cámara... Eu vivín esas situacións é iso supón un valor engadido que me axuda a entender mellor as cousas.
Margarita Ledo, Víctor Freixanes, Xosé López... En Xornalismo atópanse algúns dos mellores profesionais galegos que contan con moi bos e poucos alumnos e, malia todo, tanta xente arrepentida de estudar xornalismo... Ten sentido?
O mercado está moi mal en todos os sentidos. Pasamos dunha época dos grandes medios de comunicación de masas a outra de grandes masas con medios de comunicación. Temos que formar novos perfiles xa que, se cadra, o lugar máis complicado no que traballar hoxe é nun medio de comunicación tradicional.
O xornalismo sempre trouxo consigo un certo idealismo. Todos queríamos ser Kapuściński, cubrir un conflito bélico… Repítese isto nas novas xeracións ou cambiaron os referentes?
O motor que te anima a facer xornalismo é o mesmo pero cambia de velocidade. Antes todos queríamos ser correspondentes internacionais e literatos e hoxe queren ser mediadores. Os referentes son outros pero o que me preocupa é a percepción que teñen de coñecemento, moi por debaixo doutras xeracións. Os estudantes consideran que lendo a portada dun xornal dixital están informados. Porén, teñen a capacidade de atopar toda a información que precisan a unha velocidade de vertixe co que me entran dúbidas... É un equilibro diferente.
Leen xornais en papel?
Non.
Categoricamente?
Sen ningunha dúbida.
Estamos ante un modelo a extinguir?
A prensa en papel non desaparecerá pero se reformará. Non ten moita lóxica que o 70% do que se publica sexan noticias xa coñecidas. Algo está a fallar, débense buscar contidos diferentes: análise, interpretación de feitos... O problema non é o formato, senón os seus contidos.
Recentemente firmouse un convenio con Agareso. Como valora esta colaboración?
Dentro do compromiso social que trato de implantar creo que a facultade debe colaborar con todas as institucións e entidades que teñan un compromiso coa sociedade e utilicen a comunicación como ferramenta como é o voso caso. Non podemos falar de cartos, pero si de cabezas, as dos nosos estudantes, dos nosos recursos, ir xuntos onde un terceiro... Creo nese modelo de colaboración e en entidades como Agareso.
| < Prev | Next > |
|---|







